Sauda da presidenta de acuBam

Patricia, presidenta de acuBam

Estimados compañeiros/as:

Hoxe teño o pracer e a responsabilidade de dirixirme a vós para dicirvos que a confianza que depositastes neste equipo humano que conforma a nova xunta directiva de acuBam, está en boas mans. Collemos a substitución da dirección desta asociación, da que sentimos orgullosos, con todo o respecto ás directivas anteriores e coa maior ilusión e ganas de traballar que podemos.

Claros son os obxectivos perseguidos, sabemos que non son fáciles pero que contamos con innumerables aliados e que xuntos poderemos alcanzalos.

O Baixo Miño é o noso maior aliado, a nosa comarca como nicho produtivo, o noso río, as nosas xentes, os nosos nenos…, todo fai especial e irrepetibles a cada unha das nosas empresas. A unión e o saber traballar por unha fronte común son distintivos de calidade que acompañan ás nosas plantas nas súas viaxes ata os seus destinos.

O incansable afán de mellora fainos fortes como empresarios e obríganos a dar todo pola procura dun futuro no que prime o respecto polo medio ambiente, así as nosas empresas cumpren facendo un consumo responsable de auga, unha achega de fertilizantes e fitosanitarios razoable, unha reciclaxe de residuos… De igual forma, é incansable a procura dunha produción de calidade, polo que está nas nosas veas a formación continua en todos os campos empresariais e como non, a formación dirixida aos nosos traballadores.

Este sector produtivo que é un motor empresarial na nosa comarca, non tería sentido traballar por el, se non crésemos nunha substitución xeracional, por iso os proxectos educativos nas aulas das nosas escolas, están desde que esta asociación existe, porque cremos nun futuro verde.

Amigos, como enxeñeira agrónoma e produtora, amante da miña profesión, gustaríame que ese soño no que os nosos nenos quedan a traballar nas nosas terras, orgullosos de ser produtores, fose o soño polo que todos loitásemos, non só os socios desta asociación, senón todos e cada un dos que aquí vivimos, porque como seres humanos debemos superar as nosas diferenzas e ser capaces de atopar puntos de acordo comúns polos que traballar, polo ben común de todos, por unha comarca modelo a seguir e motivo de orgullo para todos.

 

Presidenta de “acuBam”

Patricia Rodríguez González

directiva acuBam - cultivos baixo miño

Directiva acuBam


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.